PROLEPSE, en literatura, é dar un salto adiante nunha narración, de xeito que o lector coñeza anticipadamente elementos de trama. Dese xeito, o lector pode saber antes de tempo, por exemplo, cal vai ser o final da historia, o que en principio pode non parecer precisamente unha vantaxe para o desenvolvemento argumental.
Mirade, por exemplo, un dos comenzos máis celebres da literatura universal, o de Crónica de una muerte anunciada (1981) de Gabriel García Márquez:
El día en que lo iban a matar, Santiago Nasar se levantó a las 5:30 de la mañana...
Quen le o libro coñece, pois, o final da historia xa na primeira liña da novela, pero o que atrae ao enfeitizado lector durante toda a obra é chegar ao coñecemento das circunstancias e motivos do asasinato.
Cando vin American Beauty (Sam Mendes, 1999) e escoitei que a voz en off do protagonista (Kevin Spacey) dicía, cando se vía un barrio de chalés dende o ceo, xusto ao comezo da pelicula...
Chámome Lester Burnham. Este é o meu barrio. Esta é a miña rúa. Esta é a miña vida. Teño 42 anos. En menos dun ano estarei morto. Claro que iso non o sei aínda...
...pensei Crónica dunha morte anunciada! e tamén pensei (deformación profesional)... Vaia, un narrador omnisciente interno!
Recordade o que é unha prolepse:
Gabriel García Márquez cumprirá 90 anos o 6 de marzo de 2017. Noraboa!
Gabriel García Márquez, Gabo para os seus íntimos, é o principal expoñente do chamado "Realismo Máxico"; este novelista é autor de monumentos literarios como a citada Crónica de una muerte anunciada, Cien años de soledad, El coronel no tiene quien le escriba ou Doce cuentos peregrinos, entre outras moitas obras, varias das cales foron levadas ao cine.
Como colofón aos seus numerosísimos premios, homenaxes, doctorados honoris causa e distincións diversas, Gabriel García Márquez recibiu en 1982 o Premio Nobel de literatura.
Picade nas obras de García Márquez dispoñibles na nosa Biblioteca Viva e despois pasade por alí e levade unha para ler ¿non?

No hay comentarios:
Publicar un comentario