Dende a Biblioteca Concha Blanco, vimos de conmemorar o 23-A, Día do Libro, cunha iniciativa que xa puxeramos en marcha no curso pasado, na que mixturamos a literatura, as artes plásticas e a música na mesma sesión, coa colaboración de alumnado voluntario e, especialmente, dos departamentos de Lingua Castelá e Música. Neste caso, no eido da Semana Cultural do centro, o día 23 de abril levamos a cabo 3 sesións ao longo da mañá, para 1º, 2º e 4º da ESO. Nelas, varios voluntarios leron fragmentos seleccionados de títulos moi diversos, nos que atopamos por exemplo O Quixote de Cervantes, Pienso luego silla de Gloria Fuertes o el Zorongo de Lorca. Paralelamente, outros voluntarios dispuxéronse a facer debuxos en tempo real, mentres a lectura era complementada cunha audición directamente relacionada coa temática do texto. No caso do Zorongo de García Lorca, procedeuse a unha interpretación musical do tema na voz de Uxía Santos acompañada á guitarra por Miguel Blanco nas dúas primeiras sesións, mentres que na última da mañá, fíxose un recitado do texto con música de fondo de inspiración flamenca a cargo da frauta traveseira de Estela Blanco.
Deixamos algunhas imaxes do acto e dos debuxos creados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario