26/4/22

PRIMAVERA FEMINISTA E INCLUSIVA

A Biblioteca do IES Agra de Raíces, en colaboración có Proxecta 365 do centro preparou nestas últimas datas unha compilación de obras de carácter feminista que forman parte dos seus fondos máis novidosos para incentivar as iniciativas e proxectos da comunidade educativa do centro arredor da igualdade de xénero e a inclusión en todas as ordes da vida.

https://es.padlet.com/miguelbp2006/65d6n0y8ena4qwrn



Neste senso, acada un posto preponderante a colección de novelas gráficas protagonizadas por Lola Vendetta, de Raquel Riba Rossy. O personaxe de Lola Vendetta naceu en 2014 como alter ego da autora, cuxos deseños pretenden visibilizar as dificultades que sofren moitas mulleres na actualidade: a inestabilidade laboral, as esixencias familiares, os ciumes sentimentais, os micromachismos, a violencia doméstica, a vulnerablidade, a identidade sexual, a expresión das emocións, o medo... Pero, ademais, a través da súa protagonista, a artista gráfica pon de manifesto tamén a loita da muller cara a independencia, a procura da súa aceptación persoal e do amor propio, como abandeirada da liberdade e do ecofeminismo. 

Ademais das obras de Raquel Riba, destacan outros volumes como Las que faltaban, de Cristina Oroño; Hijas de la Resistencia, de Judy Batalion; ou Calladita no eres más bonita, de Nuria Prieto. A primeira delas emula os textos épicos, repasando episodios procedentes da historia, a literatura, a arte, a filosofía e a ciencia para exemplificar a escuridade na que a muller foi relegada. A segunda está ambientada en Varsovia, no ano 1943, e protagonizada por un grupo de mulleres xudías que colaboraron con células da resistencia para loitar contra os nazis. Finalmente, a terceira recolle as testemuñas de dez mozas que sufriron violencia de xénero na adolescencia. As súas historias transformáronse en relatos de ficción co obxectivo de preservar a súa privacidade e transmitir a atmosfera de asfixia e pánico que se viron obrigadas a vivir. 

Por último, a Biblioteca do centro atende tamén a outras realidades inclusivas que forman parte de toda comunidade educativa, como o autismo. Títulos como O curioso incidente do can a medianoite, de Mark Haddon; María y yo, de María e Miguel Gallardo; ou El niño que quería construir su mundo, de Keith Stuart, abordan a realidade do trastorno do espectro autista, posto que proporcionan, desde o ámbito literario, as ferramentas necesarias para poder contribuir á mellora da súa calidade de vida e á súa inclusión plena na sociedade. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario