3/6/22

"POR CUATRO ESQUINITAS DE NADA"

 É un pracer e un orgullo para o Equipo da Biblioteca compartir este material tan especial no que tivemos a oportunidade de colaborar:

A profesora do IES Agra de Raíces, María Chao, especialista en Pedagoxía Terapéutica, desenvolveu ao longo do presente curso diversas actividades que fomentan o traballo a prol da igualdade no eido educativo e cultural, centrándose especialmente na importancia do emprego dunha linguaxe inclusiva.

 Tal e como refire María nas súas clases, a diversidade persoal, social e académica é unha realidade tanxible nas nosas aulas. Polo tanto, os docentes debemos dar resposta a esta situación a través da multiplicidade dos sistemas de comunicación existentes, combinando a linguaxe verbal co poder evocador das imaxes. Neste sentido, a utilización de pictogramas constitúe unha ferramenta de grande utilidade á hora de transmitir información e transformar tanto as palabras como o noso imaxinario social en manifestacións nucleares, icónicas e reais. 

 Por iso, María Chao e o seu alumnado de 1º ESO deseñaron dúas actividades de índole audiovisual que potencian a creatividade, a plasticidade, o poder suxestivo da música e a literatura coa comunicación emocional e multifuncional. A primeira delas é a recreación do relato infantil “Por cuatro esquinitas de nada”, no que acadan un papel protagonista os seus narradores principais (Xoel Domínguez e Daniel Louro, de 1º ESO B), apoiados polas voces corais dos seus compañeiros: Ainoa Liñeiro, Lucas Martínez, Lucía Canosa, Nahomy Montoya, Noemí Peña, Nuria Riveiro, Pablo Caamaño, Xoel Durán, Yeray Berbia e Yzan Caamaño (todos eles de 1º ESO B).

 A peza, reelaborada con profunda tenrura, achega ao noso alumnado ás raíces da amizade, a aceptación, a superación, a autoestima, o respecto polas diferencias e atención á diversidade.

 Velaquí tedes a ligazón para acceder ao vídeo preparado por María Chao e os seus estudantes: https://drive.google.com/file/d/15yDwrVEuNcc8HnpmxccX7cCCaGMKLOPS/view?usp=sharing

Parabéns a María e a todos os alumnos e alumnas que colaboraron nesta iniciativa tan magnífica.



 

No hay comentarios:

Publicar un comentario