3/6/22

"TODOS SOMOS DISTINTOS"

 É unha enorme satisfacción poder compartir este excepcional traballo en forma de videoclip.

O alumnado de 1º ESO B, guiado pola súa profesora María Chao, rematou recentemente o deseño e edición dun videoclip inspirado na canción infantil “Todos somos distintos”, de Juan Fernando Velasco.

 Nel, Xoel Domínguez, Daniel Louro, Ainoa Liñeiro, Borja Castelo, Lucía Canosa, Nahomy Montoya, Marco Fernández, Xoel Durán, Ismael Darriba, Noemí Peña, Yeray Berbia, Arturo de la Rosa, Pablo Caamaño, Martín García, Nuria Riveiro, Miguel Estévez, Yzan Caamaño e Laura Fidalgo interpretan maxistralmente a letra da canción a través de diversos códigos de comunicación: a linguaxe de signos, o sistema Braille e os pictogramas. Pero, alén da efectividade ineludible destas canles de comunicación, a trascendencia do material ao que podedes acceder desde a seguinte ligazón: https://drive.google.com/file/d/1dwmlOft_cMvoJ8mTWdufcu_1swUF_bOM/view?usp=sharing radica na emotividade que transmiten os seus protagonistas a través da linguaxe corporal, das apertas, as miradas, as mans entrelazadas e a unión que se fraguou entre eles despois de horas de traballo conxunto.

 A gravación do videoclip favoreceu o autocoñecemento e a aceptación propia e allea das virtudes, as habilidades e as debilidades de cada un. Supuxo a promoción da singularidade e da fortaleza colectiva. Revelou a manifestación digna das limitacións de cada ser humano e a evidencia de que no respecto das mesmas reside o futuro da educación. 

Grazas a María e aos seus estudantes por compartir connosco o resultado final dun proxecto que logra transmitir con fonda honestidade e sinxeleza a necesidade de reparar nas diferenzas, de promovelas, enorgullecerse delas e empregalas para o ben común, concienciando aos demais da importancia da heteroxeneidade, porque é o que realmente nos permite avanzar, mellorar o noso autoconcepto e descubrir o talento que nace de cada un para poder construír un “nós”.




1 comentario:

  1. Precioso! Noraboa á profesora María e a tódolos participantes!

    ResponderEliminar